A Universidade renova a súa colaboración coa empresa Viaqua para o desenvolvemento do Campus Auga

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Marcos Martín González, director da empresa Viaqua, asinaron este xoves un novo convenio marco de colaboración entre as dúas institucións. O convenio dá continuidade ao existente anteriormente e o seu obxecto é “a posta en marcha dun conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e de investigación universitaria», centrándose as accións nas titulacións deste ámbito e no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Tras a sinatura do convenio, o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para nós é unha enorme satisfacción asinar de novo este convenio que nos permite profundar nas tarefas docentes e investigadoras relacionadas coa auga”, recalcando o papel deste recurso natural como “fonte de coñecemento, de calidade de vida e de desenvolvemento”. No marco do proxecto Campus Auga, Manuel Reigosa destacou que para a institución académica “é moi importante contar con Viaqua como un socio, un socio necesario, un socio desexado para todas as iniciativas que se van a desenvolver en torno ao Campus Auga, o campus de especialización do campus de Ourense”. Ademais das achegas económicas e de medios, o reitor comentou que o convenio inclúe “sobre todo moito traballo conxunto en moitas actividades, tanto no eido docente como investigador como de transferencia”, agradecendo a Viaqua esta colaboración.

Ler a noticia completa no DUVI