O Campus Auga recibe da Xunta 3,25M€ para desenvolver accións estratéxicas durante o período 2024-2027

O xoves 23 de xaneiro asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas do Campus Auga durante o período 2024-2027. O orzamento achegado pola Xunta de Galicia é de 3.256.850 euros, distribuídos en diferentes anualidades 2024 (428.450 euros); 2025 (1.008.000 euros); 2026 (1.205.900 euros) e 2027 (614.500 euros). Por conceptos, 2.240.833 euros destinaranse a accións de investigación; 615.750 a docencia; 208.700 a transferencia e innovación; 122.667 a equipo de xestión e 68.900 a gobernanza. Este investimento súmase aos case 8,5 millóns de euros que leva investido neste campus o Goberno galego desde 2013, ano no que arrancou o proxecto.

O Conselleiro e mais o Reitor asinan o convenio

A sinatura, que tivo lugar no edificio Campus Auga, correu a cargo do reitor da UVigo, e do conselleiro Román Rodríguez contando ademais coa asistencia, entre outros, do secretario xeral de Universidades, Alberto Díaz; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Irene Bonome; dos vicerreitores da UVigo e da súa secretaria xeral Francisco Javier Rodríguez, Belén Rubio e María José Bravo, respectivamente, e do director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.

A finalidade deste convenio é “dotar ao Campus Auga dunha identidade propia, estreitamente ligada ás potencialidades económicas da súa contorna, así como dunha maior visibilidade que garanta o seu futuro”. Coas medidas contempladas quérese “consolidar unha maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación no Campus Auga”. A través da folla de ruta contemplada no seu plan estratéxico impulsarase a formación avanzada e de calidade arredor das tres áreas temáticas do Campus Auga: a alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente e a xestión de auga termal. Tamén se continuará favorecendo a internacionalización da investigación e a promoción da transferencia do coñecemento cara a sociedade, a industria e as institucións. Así mesmo, o Campus Auga deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados e egresadas, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.

O reitor lembrou que a Universidade “está entre as mellores do mundo en varias liñas de especialización do Campus Auga” e dixo que a execución do seu plan estratéxico co orzamento agora acadado suporá para todo o campus de Ourense “un salto de calidade”. Co camiño que se está percorrendo con esta especialización e as axudas acadadas, afirmou, “estamos debullando un futuro mellor”.

Un momento da visita a un grupo de investigación do Campus Auga

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez destacou que este novo acordo posibilita o desenvolvemento dun plan estratéxico do Campus Auga para favorecer a súa visibilidade nacional e internacional ao tempo que se consolida a súa especialización e calidade da docencia e da investigación. “O campus de Ourense leva desde 2013 impulsando este proxecto e funcionando como un polo tractor da economía e do coñecemento na provincia”, dixo o conselleiro. “A acreditación de especialización e esta nova folla de ruta van seguir impulsándoo como xerador de investigación, riqueza e emprego para o sector da auga”, sinalou.

No acto tamén se asinou outro convenio de colaboración para o financiamento de actuacións destinadas ao desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Universitarias. Ao abeiro deste plan, o Goberno galego colabora coa Universidades de Vigo en distintos proxectos ata 2026. Entre estes proxectos conxuntos están destinar arredor de 9,3 millóns de euros para a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense. O convenio asinado hoxe supón unha partida de 4.347.000 euros para esta construción, o 60% (3.105.000 euros) achegados pola consellería e o 40% (1.242.000 euros) pola Universidade, contías que se suman ás anteriores destinadas a este fin. A previsión da institución académica é que a licitación para a construción sexa inminente.