O Campus Auga abre unha nova liña de axudas propias. Trátase de axudas de mobilidade para o seu persoal investigador co obxectivo de contribuír ao intercambio de coñecemento e á mellora e internacionalización da actividade investigadora deste colectivo relacionada coas liñas estratéxicas do Campus Auga.
É unha acción que se desenvolve no marco do financiamento do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga, co de obxecto financiar parcialmente as estadías en centros de investigación do persoal investigador que cumpra os requisitos requiridos. O importe de cada axuda concedida será de ata un máximo de 3000 euros, segundo o destino elixido.
Prazo ata o 28 de xullo
A duración da estadía financiada, que se desenvolverá nun único período e centro, non poderá ser inferior a 30 días e deberá estar comprendida entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro do 2025. Exclúense expresamente as axudas para estadías na universidade na que se licenciou, graduou ou doutorou a persoa solicitante e no centro/universidade á que pertenza quen lle dirixa a tese de doutoramento. No caso das persoas estranxeiras, exclúense tamén as estancias no país de orixe.
Poderán presentar unha solicitude de axuda aquelas persoas que desenvolven actividade investigadora na Universidade de Vigo que pertenzan un dos seguintes grupos:
- Persoal investigador predoutoral e posdoutoral con contrato vixente ata o 31/12/2025 no marco do financiamento do citado convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027),
- Persoal investigador predoutoral ou posdoutoral pertencente a un grupo de investigación incluído no Campus Auga que non recibise financiamento para mobilidade durante o ano 2025,
- e o alumnado de doutoramento matriculado nun programa de doutoramento vinculado ao Campus Auga.
O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o día 28 de xullo. A súa avaliación será realizada por unha comisión de valoración e entre a documentación a presentar estará un resumo do traballo de investigación proposto xustificando o seu interese.
Toda a información sobre as axudas na Secretaría da UVigo: