90 estudantes no programa de doutoramento do Campus Auga

O Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do Campus Auga celebrou o mércores 8 de novembro as súas conferencias inaugurais. Ao se incorporaren este curso académico de dez novos investigadoras e investigadores, estes estudos contan xa con 90 persoas preparando as súas teses de doutoramento.

As conferencias, coas que se deu arranque oficial á programación 2023/2024, afondaron na relación da auga co clima, tratando de profundar na xestión territorial necesaria para un maior aproveitamento do recurso da auga ante un clima cambiante, e tamén sobre as posibilidades de coñecer o noso clima pasado a través da recuperación de datos históricos a partir de diferentes tipos de documentación. Sergio Vicente, profesor de investigación no Instituto Pirenaico de Ecoloxía (CSIC), falou de “Cambios na dispoñibilidade de auga en España: a influencia da xestión do territorio e as demandas de auga nun escenario de cambio climático”. Pola súa banda, Fernando Domínguez, investigador da Fundación ARAI na Universidad de Zaragoza, ofreceu o relatorio “Que nos contan os arquivos e bibliotecas da variabilidade climática?”.

O acto, que puido seguirse online a través de UVigo TV, contou coa asistencia, entre outros de Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Raquel Nieto, directora do  Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento; Emma González, xerente do Inorde (Deputación de Ourense) e Carmen Sampayo, presidenta do Colexio de Economistas de Ourense.

Un programa “único”

Sergio Vicente, Roberto Ignacio Fernández, Francisco Javier Rodríguez Rajo, Raquel Nieto e Fernando Domínguez

O Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento vense desenvolvendo desde o curso 2017/2018. Esta titulación constitúe unha das liñas de orientación estratéxica do Campus Auga e preséntase como un programa único no Sistema Universitario Galego. O seu deseño aposta por consolidar unha oferta formativa diferenciada e especializada nas temáticas propias do Campus Auga (alimentación, medio ambiente e xestión da auga), que promova a capacitación integral de profesionais, conectada coas demandas da contorna máis próxima, e que sexa valorada socialmente. Conta coa colaboración multidisciplinar das escolas e facultades do campus de Ourense e de universidades e institutos universitarios do Norte de Portugal –o Instituto Politécnico do Porto, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Instituto Politécnico de Bragança–. Os obxectivos formativos desta titulación están orgnizados en once liñas de investigación soportadas por 24 grupos de investigación.

UVigoTV recolleu as conferencias nun conxunto de vídeos aos que podes acceder facendo clic no botón de abaixo