A Vicerreitoría do campus de Ourense, contando coa achega económica da Excma. Deputación Provincial de Ourense, a partir do Convenio de colaboración anual subscrito entre ámbalas dúas institucións, convoca anualmente as Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense – Proxectos INOU -.
O obxectivo deste programa é apoiar as investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como a especialización do campus de Ourense – Campus Auga. Para iso fináncianse proxectos relacionados cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia, como o turismo, a agricultura e gandería, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos, especialmente os relacionados co termalismo, ou calquera outro sempre que se xustifique axeitadamente a súa relación coa provincia de Ourense, ou coa especialización do Campus Auga.
Ao mesmo tempo pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo, e que ten máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poida poñer en marcha os seus proxectos, contribuíndo tamén a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación.
Publicacións
Descrición
Este libro recompila os resultados da investigación dos proxectos beneficiarios da convocatoria de Axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense – INOU2020, financiados a través do convenio coa Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades no Campus de Ourense.
Nesta anualidade financiáronse catro proxectos de investigación coordinados, compostos por subproxectos liderados por persoas investigadoras de distintos ámbitos de coñecemento do campus de Ourense. A meirande parte dos proxectos recollidos neste novo volume entroncan con eixes principais do desenvolvemento da nosa provincia como son o seu patrimonio artístico e cultural, o enoturismo, o aproveitamento dos residuos da industria vitivinícola, a sostibilidade ou a dixitalización. Estes proxectos contribúen a poñer en valorar o noso patrimonio cultural, natural e gastronómico, tres piares básicos da economía da nosa provincia. Mais tamén hai proxectos que abordan problemas tan actuais como son os relacionados co uso e co abuso que fan das redes sociais os mozos e as mozas, analizando as condutas de risco da mocidade ourensá e desenvolvendo ferramentas dixitais para axudar a evitalas
Acceso á publicación completa
Prólogo
Indice
Descrición
Este libro recompila os resultados da investigación dos proxectos beneficiarios da convocatoria de Axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense – INOU2019, financiados a través do convenio coa Deputación Provincial de Ourense para o desenvolvemento de actividades no Campus de Ourense.
Nesta anualidade financiáronse cinco proxectos de investigación coordinados, compostos por subproxectos liderados por persoas investigadoras de distintos ámbitos de coñecemento do campus de Ourense. As súas temáticas abranguen o turismo sostible nos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense, a potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis, o desenvolvemento de ferramentas para a mellora continua da calidade do sector hoteleiro ourensán ou a circularidade das actividades económicas da provincia, e a prevención e intervención no fracaso escolar en matemáticas dos e das escolares da nosa provincia.
Acceso á publicación completa
Prólogo
Indice