O venres 27 de outubro fíxose público o ránking de Shanghai por materias, no que a UVigo accede ao décimo quinto posto mundial en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, situándose tamén entre as universidades referentes en sete ámbitos de coñecemento.
O Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2023, é a clasificación das mellores universidades do mundo ordenadas por materias de investigación que elaborad o Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai). Nel, a Universidade de Vigo sitúase por primeira vez como a universidade número 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. En total son sete, de 55, os ámbitos nos que a UVigo se posiciona a nivel internacional entre as universidades referentes.
O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo” das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 1900 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional.
No GRAS 2023, no ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo sitúase como a 15ª universidade do mundo, superando a posición do ano pasado, onde estaba entre as 75 referentes (no tramo 51-75). É a primeira universidade española e a segunda europea nesta listaxe. Este resultado, xunto co posto acadado en Ciencias Agrícolas confirma o axeitado traballo e carácter de excelencia que está a facer o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), con sede no Campus Auga, campus de Ourense.