No mes de febreiro o Campus Auga acadou a acreditación como campus de especialización do sistema universitario galego por parte da Xunta de Galicia. Co obxectivo de desenvolver esta acreditación vén de incorporar doce persoas, tras un concurso público de méritos, tanto persoal investigador como de apoio. As novas contratacións son produto dun convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no período 2024-2027.
“Estas incorporacións supoñen un salto tanto cualitativo como cuantitativo para a faceta investigadora do campus”, subliña Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, que explica, que con elas “non só se dan novas oportunidades a talento forxado na universidade cos contratos predoutorais e posdoutorais, senón que se facilita o traballo do persoal investigador coa incorporación de técnicos de laboratorio e xestores, que lles van a axudar moito en aspectos como a presentación de proxectos ou o contacto con empresas etc”.
O número total de incorporacións son doce. Oito son investigadoras e investigadores: seis predoutorais, para a realización das súas teses de doutoramento en relación con algunha das liñas de especialización do Campus Auga, e dous posdoutorais, para participar en investigacións relacionadas tamén con algunhas destas liñas de especialización. A elas e eles engádense dúas técnicas de laboratorio para manexo de infraestruturas de apoio e laboratorios deste campus de especialización; unha coordinadora de técnicos e infraestruturas e un xestor de I+D+i.
Outras accións: formación e escoita
Alén deste incremento en recursos humanos, o Campus Auga está a organizar, en colaboración coa OTRI da Universidade de Vigo, o Curso de formación de transferencia do coñecemento e tecnoloxía, destinado a persoal investigador e xestor do campus de Ourense, no que se abordan temas concretos e relevantes co obxectivo de incentivar a participación en actividades de transferencia do coñecemento e presentar as diferentes ferramentas dispoñibles para a interacción entre a universidade e o tecido socio-económico. A docencia, presencial no campus de Ourense, será os días 16, 17 e 23 de outubro. A matrícula, que é gratuíta, está aberta ás persoas interesadas ata o día 14 deste mes.
Por último, o Campus Auga vai abrir un proceso de escoita, tanto en ámbito universitario coma no empresarial, para mellor coñecer o posicionamento que ocupa tanto dentro da Universidade de Vigo como na zona xeográfica na que se insire. Este proceso consistirá na realización dunha enquisa que se distribuirá aos diferentes colectivos involucrados.