Celebrado o seminario As cidades termais desde a perspectiva do desenvolvemento endóxeno, centrado en Chaves e Bath

Marcos Álvarez e Antonio Vázquez

Na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrouse o venres 29 de setembro o seminario As cidades termais desde a perspectiva do desenvolvemento endóxeno, centrándose o evento na análise dos casos de éxito de Bath, en Reino Unido, e Chaves, en Portugal. O acto contou con especialistas de ambas cidades termais.

A actividade foi presentada por Mª Monserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que destacou a celebración da cita coincidindo co desenvolvemento da feira Termatalia, enfatizando a importancia de “pór a Ourense no panorama internacional do termalismo” con estas accións. Pola súa banda, José Ángel Vázquez Barquero, profesor da Facultade e coordinador da actividade, subliñou a importancia de abordar o termalismo desde o punto de vista do desenvolvemento económico, fixando a atención nos exemplos das cidades de Bath e Chaves, e destacando a relevancia do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.  

O programa

A xornada arrancou cunha conferencia titulada As fontes do desenvolvemento endóxeno, presentada polo catedrático da UVigo Marcos Álvarez e ofrecida por Antonio Vázquez Barquero, catedrático de Economía e profesor emérito da Universidad Autónoma de Madrid. Na súa intervención, o experto falou do “paso do fundamentalismo do mercado ao desenvolvemento endóxeno e das políticas rexionais e industriais ás políticas dos territorios; dunha visión máis teórica e abstracta a outra asociada cos territorios onde os protagonistas son os actores locais”.

Seguiulle unha mesa de análise do caso da cidade termal lusa de Chaves, presentada por Manuel Pérez Cota, director de Innovación Administrativa da Universidade de Vigo, e que tivo como relatores a Maria José Alves, directora executiva do Laboratorio Colaborativo AquaValor, e Ramiro Manuel Moreira Gonçalves, primer secretario executivo da Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e tamén director executivo do Laboratorio Colaborativo AquaValor. Unha segunda mesa centrouse na análise do caso da cidade termal de Bath, en Reino Unido. Neste caso foi presentada por Mario Crecente Maseda, presidente del Comité Científico da European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), e contou coas intervencións de Paul Simons, secretario xeral de The Great Spa Towns of Europe Association, e un representante institucional da cidade de Bath.

UVigoTV gravou o seminario. Aquí podes ver a presentación e no botón de máis abaixo a totalidade dos vídeos.