A V edicion do Congreso Internacional do Campus Auga centrouse na importancia da xestión sostible dos recursos hídricos

Baixo o lema A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar, o campus de Ourense celebrou os días 26 e 27 de setembro o  V Congreso Internacional da Auga. A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e nela danse cita máis de 60 asistentes para afondar dun xeito multidisciplinar na xestión sostible dos recursos hídricos, nun marco xeral de aposta pola economía circular e dedicando especial atención ao ámbito do turismo termal.

Ao igual que en anteriores edicións, o principal obxectivo deste evento é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cos recursos hídricos. A programación desenvólvese na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pero previamente, o mércores 25 á tarde, as persoas participantes incorporáronse á feira Termatalia coa celebración en Expourense dunha mesa redonda e simposio.

O primeiro congreso tras a acreditación

Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, apuntou que esta quinta edición do congreso, que ten un carácter bianual, “amosa que o proxecto de especialización do campus de Ourense xa conta cunha longa traxectoria de dez anos de traballo”. Apuntando que a acreditación do Campus Auga supón “un motivo de enorme satisfacción colectiva para todo o campus de Ourense e para a Universidade de Vigo”, o director indicou que a celebración deste congreso internacional dá cumprimento a liñas estratéxicas contempladas neste proxecto relacionadas coa economía circular, o turismo termal e a xestión da auga termal e ao seu compromiso coa transferencia.

María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e presidenta do comité organizador do congreso, quixo na inauguración recoñecer e agradecer o esforzo feito na organización deste evento, que cada edición corre a cargo dun centro do campus, destacando que é mostra do “extraordinario capital humano do noso campus, do seu talento e do traballo en equipo e o bo facer que hai nel”.

Máis de 40 traballos

Tras a inauguración oficial, arrancou a programación. No V Congreso Internacional da Auga presentáronse en total máis de 40 traballos en diferente formato, desde comunicacións a paneis, centrados arredor do 40% deles na xestión termal e o resto en temáticas de economía empresarial, economía circular e actividade turística. Ademais, o programa inclúe mesas redondas (sobre temas como o termalismo como fonte de saúde e benestar); conferencias (sobre temáticas como a economía circular na xestión da auga); talleres e a entrega dun premio á mellor comunicación na área de xestión da auga, concedido pola Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE).

A conferencia inaugural levou por título A economía circular na xestión da auga e foi ofrecida por Leticia Rodríguez, directora de desenvolvemento sostible de Viaqua. Seguiulle un simposio de economía circular, no que se abordaron temas que abrangueron desde a importancia do biometano no proceso de transición enerxética ata proxectos innovadores para facer fronte ao estrés hídrico en Galicia mediante o emprego de auga rexenerada. Outro dos simposios centrouse na actividade turística e a auga e nel puidéronse escoitar intervencións que foron desde as últimas investigacións arqueolóxicas no balneario de Carlos III (Guadalajara) ata as perspectivas para o desenvolvemento do turismo nunha reserva extractivista na Amazonía. Pola tarde desenvolveuse un terceiro bloque sobre turismo, empresa e auga, con temas como o turismo termal en enclaves como Estoril, e un taller sobre o ecosistema do ciclo da auga na provincia de Ourense.

O venres o gran protagonista foi o termalismo cun simposio sobre este tema con conferencias que abarcan desde o desenvolvemento dunha formulación cosmética a partir de auga mineromedicinal ata o programa de termalismo social do Imserso e unha proposta de revitalización de balnearios en desuso. A conferencia de clausura, a cargo de Carmen Pardo especialista neste eido, centrouse nos desafíos do termalismo en Galicia.