O mércores 26 de marzo, Xinzo de Limia acolleu a entrega de galardóns da primeira edición dos Premios Semente, que teñen como obxectivo pór en valor as mellores iniciativas do sector agroalimentario de Galicia ao tempo que se destaca a colaboración entre o mundo académico e o rural. Entre as persoas e entidades galardoadas, o Campus Auga e a investigadora Laura Meno recibiron candanseu premio.
A entrega de galardóns, presentada por Xosé Antonio Touriñán, contou coa asistencia de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O Campus Auga, que ten como liñas de especialización a alimentación funcional; a agricultura e medio ambiente e a xestión da auga termal, foi premiado na categoría de Compromiso Ambiental. Recolleu o premio Roberto Ignacio Fernández, o seu director.
Pola súa banda, Laura Meno, do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) e do Instituto Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo, foi distinguida na categoría de Investigación Agraria. No marco da súa liña de investigación centrada na mellora da sostibilidade de cultivos, moi especialmente a pataca, e que desenvolve en diferentes proxectos, esta enxeñeira agrónoma na súa tese de doutoramento defendida na UVigo quixo contribuír á mellora do sector da pataca en A Limia. Fíxoo afondando no coñecemento da alternariose, unha enfermidade fúnxica que xunto co mildio supón unha das principais preocupacións para as e os agricultores.
Os Premios Semente, seleccionados por un xurado de especialistas, nacen da iniciativa do Concello de Xinzo e contan co apoio das universidades galegas, que se suman ao proxecto para recoñecer o traballo de innovación, sostibilidade e desenvolvemento no agro. A gala de entrega enfocouse como un punto de encontro para todos os que están a traballar pola transformación do sector agroalimentario galego. Alén do Campus Auga e de Laura Meno, tamén foron premiados Patatas Fritas Guays, Mónica Míguez Bolaño, IXP Pan de Cea, Restaurante Ceibe, Hortocabido SCG, Programa Labranza da TVG, Festa da Pataca de Coristanco, Patatas Fritas Jalys e o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.