O Campus Auga, premio Semente 2026 na categoría de investigación agraria

Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense recolle o premio

O Concello de Xinzo de Limia celebrou o venres 27 de marzo a II Edición dos Premios Semente, unha iniciativa deseñada co obxectivo de valorizar o esforzo, traxectoria e capacidade de innovación do sector primario no sueste de Galicia. A gala reuniu diversas autoridades e representantes do sector primario. No acto institucional interviñeron a Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz Penín, quen destacaron o valor estratéxico do campo para o desenvolvemento económico e poboacional da provincia de Ourense. Previamente á entrega das distincións, o profesor e investigador Francisco Jesús Ferreiro Seoane, expuxo as conclusións do estudo titulado “Análise do Sector da pataca e a súa importancia na comarca da Limia”. Esta intervención académica achegou cifras obxectivas sobre a elevada rendibilidade e a transcendencia do cultivo estrela para toda Galicia.

Fotode familia dos premiados
Foto de familia das persoas premiadas nos Semente

O momento central da velada consistiu na entrega dos 11 galardóns oficiais, determinados por un exixente xurado técnicono que o Campus Auga foi distinguido na categoría de Investigación Agraria. No acto de entrega, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, agradeceu este recoñecemento e puxo en valor o traballo do Campus Auga. O resto de galardoados nos premios foron Harinas Hermanos Reyes; Gallega de Patatas, SLU; Melani Araujo García; Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde; a Festa da Pataca de Vilar de Barrio; o Campeonato de España de Tortilla de Patatas; o GDR 10 Limia-Arnoia; Campo Galego; Abel Sotelo Castillo e Vegalsa-Eroski.