O campus de Ourense acolleu os días 8 e 9 de outubro o VI Congreso Internacional do Campus Auga, unha cita que reuniu arredor de medio centenar de axentes do sector público e privado para explorar como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos. Na inauguración, a directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Nieves Lorenzo, salientou que o congreso buscou “amosar dun xeito integrador como a aeronáutica non é unha cousa afastada do noso día a día”, senón que está presente na innovación tecnolóxica na agricultura, na loita contra os incendios, no estudo climático ou na actuación ante catástrofes naturais, entre outros eidos. Pola súa banda, o director do Campus Auga, Alberto Vaquero, puxo en valor o congreso como “un espazo de converxencia” entre os axentes públicos e privados do sector, que na actualidade supón para Galicia “unha oportunidade estratéxica de primeira orde”.
O encontro, organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovido polo Campus Auga, contou co patrocinio da Deputación de Ourense. Tras a inauguración, na que tamén interviñeron José Alberto Díaz de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeroespacial Galego; e Rosendo Fernández, presidente do Inorde, o programa arrancou coa conferencia de Estel Cardellach Galí (Institut d’Estudis Espacials de Catalunya e ICE-CSIC) sobre reflectrometría con sinais de navegación, unha técnica presente en máis de 40 satélites e con aplicacións en agricultura, clima, meteoroloxía, oceanografía e medio ambiente. Ao longo das dúas xornadas presentáronse 26 comunicacións e celebráronse mesas redondas sobre agricultura de precisión e produción sostible; incendios forestais e seguridade ambiental; e cambio climático, urbanismo e planificación territorial na xestión da auga e dos recursos naturais.
Na programación tiveron un papel destacado grupos de investigación da Universidade de Vigo como o Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA), o Grupo de Enxeñaría Física, o EPhysLab e a Escola de Enxeñaría Forestal, que presentaron proxectos e iniciativas no eido do congreso, ademais de varias demostracións de sistemas aéreos a cargo de Aerolab e do proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae). A conferencia de clausura, titulada Uso de pseudo-satélites para a vixilancia de ecosistemas e resposta ante catástrofes naturais, foi impartida por Rubén Moreno, enxeñeiro xefe en Skydweller Aero, e o peche contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do Campus de Ourense; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente; e Josefa de León, presidenta de Viratec-Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular.
