Co título Seguridade alimentaria “da granxa á mesa”, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da II Xornada anual sobre políticas alimentarias, organizada polo grupo de investigación Food and Health Omics, integrado no Campus Auga. A cita presentouse como “un punto de encontro entre os distintos axentes da cadea alimentaria no que expor a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria”, contando coa asistencia de arredor de 170 persoas pertencentes ao alumnado, empresas, inspección e entidades relacionadas co sector agroalimentario.
A xornada estivo coordinada polas profesoras e investigadoras Raquel Rial, Beatriz Cancho, Elena Martínez e Carmen González. Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a seguridade alimentaria constitúe unha área de traballo prioritaria do Campus Auga, o campus de especialización de Ourense. Nun mundo que afronta desafíos crecentes relacionados co cambio climático, comentou, a degradación dos recursos naturais, os conflitos e as crises económicas ameazan a dispoñibilidade e o acceso a alimentos seguros e nutritivos para todos. Neste contexto, o responsable académico afirmou que “este evento supón unha oportunidade para compartir coñecementos, experiencias e mellores prácticas, así como para identificar solucións innovadoras e colaborativas que reforcen a nosa capacidade para afrontar os retos da seguridade alimentaria”.
Cada ano, explicou pola súa banda Beatriz Cancho, “organizamos unha xornada sobre políticas alimentarias porque queremos que se consolide a Facultade de Ciencias como punto de encontro e foro de debate entre todos os axentes dos diferentes ámbitos do sector alimentario e este ano decidimos dedicala á seguridade alimentaria”. Así, a actividade reuniu “a todos os actores imprescindibles” para falar de seguridade alimentaria no marco da estratexia “da granxa á mesa”, que abarca toda a cadea alimentaria e que está destinada a acadar sistemas alimentarios xustos, saudables e respectuosos co medio ambiente. Sobre a relevancia da temática abordada, desde a organización da actividade lembraron que o obxectivo das políticas alimentarias da Unión Europea en materia de seguridade alimentaria é protexer aos consumidores así como garantir un bo funcionamento do mercado interior. E neste senso, apuntaron que a avaliación de posibles riscos alimentarios eríxese como a base científica para a toma de decisións en materia de seguridade alimentaria e nutrición.
Facendo clic no botón de abaixo poderemos ver unha serie de vídeos que cobren toda a Xornada realizados por UVigoTV