O Campus Auga da UVigo ultima coa Xunta de Galicia as primeiras actuacións de impulso como campus especializado

O director do Campus Auga, Roberto Fernández, xunto co vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez e mais o xestor Roberto Villar, mantiveron unha reunión de traballo co secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez para avaliar o desenvolvemento de accións específicas que se recollerán no convenio a través do cal o Goberno galego inxectará máis de 3M€ para levalas a cabo.

Na xuntanza abordáronse cuestións relativas á docencia enfocadas a potenciar a oferta formativa, a empregabilidade e a internacionalización; á investigación para fortalecer a captación de talento; á transferencia e innovación; e á gobernanza.

Cómpre lembrar que o Campus Auga de Ourense vén de acadar acreditación como campus de especialización para o período 2024-26. Isto, na práctica, supón contar cun financiamento específico por parte da Xunta de Galicia que superará os 3M€ para dito período.