O venres 20 de setembro reuníronse en Lugo (como vemos na imaxe superior) os tres campus de especialización galegos: Campus Auga de Ourense, Campus Industrial de Ferrol e Campus Terra de Lugo. A colaboración entre eles busca, no marco do Programa de Especialización de Campus, fortalecer o Sistema Universitario de Galicia.
No encontro, presidido polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os responsables dos campus puxeron en común os seus proxectos co fin de evitar duplicidades e establecer sinerxías e accións estratéxicas que sumen e se complementen á hora de acadar resultados de investigación. A cooperación, din, “suporá un beneficio directo no fortalecemento das estruturas dos campus non centrais, aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados”.
Na xuntanza estivo presente Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e membros do Campus Auga, campus de especialización acreditado o pasado mes de febreiro pola Xunta de Galicia. Tras a reunión os participantes realizaron unha visita ás principais instalacións do Campus Terra.
35 millóns investidos
A Xunta de Galicia lanzou en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia e o outorgamento da acreditación de especialización, o selo de excelencia que os recoñece como tal. Desde a súa posta en marcha, o goberno galego leva investido máis de 35 millóns de euros nos diferentes convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo para o seu desenvolvemento. O Goberno di nunha nota de prensa que “grazas a este apoio, os tres campus contan a día de hoxe con actuacións e financiamento propio e específico para impulsar o seu posicionamento, a calidade docente e investigadora e fortalecer o seu papel como axentes dinamizadores do territorio”.