O Campus Auga forma persoal investigador e de xestión en materia de transferencia

O Campus Auga celebrou os días 16, 17 e 23 de outubro o Curso de formación de transferencia do coñecemento e tecnoloxía. A esta iniciativa, que estivo organizada en colaboración coa OTRI da UVigo, asistiu persoal investigador e de xestión da institución académica.

A formación está en consonancia cun obxectivo estratéxico do Campus Auga que se refire a “promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico cara a aplicacións prácticas que sexan útiles para as industrias e institucións locais, rexionais (eurorrexionais) e estatais”. En diferentes sesións formativas abordáronse “temas concretos e relevantes no mundo da transferencia, co obxectivo de incentivar a participación en actividades de transferencia do coñecemento e presentar as diferentes ferramentas dispoñibles para a interacción entre a universidade e o tecido socio-económico”.

As liñas de formación

As persoas encargadas das intervecións foron: Ángeles López (directora técnica da Oficina de I+D), Cristina López e Jose Jato (técnicos superiores de I+D) e Maruxa Álvarez (directora da Área de Emprego e Emprendemento). A programación comezou cunha charla de Ángeles López sobre o sistema de innovación e os marcos institucionais e financeiros que salientou a importancia de abordar con iniciativas coma este curso “o itinerario de transferencia” e intentar así “meter a compoñente transferencia de coñecemento no ADN da carreira investigadora”. Trátase, apuntou, de que o persoal investigador contemple a transferencia “como unha vertente necesaria, transversal ao mundo da investigación”.

Outros temas tratados ao longo do curso foron a colaboración universidade-empresa, achegándose a figuras específicas para a materialización da transferencia; a importancia da protección do coñecemento para a transferencia; a valorización e as vías de explotación do coñecemento e a creación de empresas a partir dos resultados de investigación. A actividade rematou cun Obradoiro de emprendemento: da I+D+i ao mercado.