Na segunda edición da Xornada Venture Lab Campus Auga de emprendemento do alumnado universitario, o estudantado que participou ao longo destes meses na súa programación presentou as súas ideas de emprendemento. O traballo gañador foi Sempre na Casa, centrado en pór en contacto persoas maiores e estudantes.
Venture Lab, nacido o curso pasado, forma parte da programación do Campus Auga e está coordinado polos profesores da Escola Superior de Enxeñaría Informática Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz. A iniciativa, sinalan desde a súa organización, “ten por finalidade ser un espazo de formación e de encontro entre o alumnado con ideas de emprendemento, o profesorado que o asesore e as empresas do ecosistema innovador, buscando sinerxías e fomentando a relación entre eles”.
Dúas propostas presentadas
Como se dixo, o proxecto gañador foi Sempre na Casa, de Paula Pato (Grao de Enxeñaría Informática), Natalia Outomuro (Turismo), Sara Somozo (Turismo), Gabriel Maciás (Enxeñaría Informática) e Pablo Tavarés (Enxeñaría Informática). “Este proxecto trata de pór en contacto persoas maiores e estudantes, nun caso para evitar a soedade e noutro para encontrar unha forma de poder facer os estudos cun menor custo de aloxamento, así como desenvolver actitudes de acompañamento”, comenta o equipo gañador. Tamén se presentou o traballo Taranis, de David Rodríguez (Turismo), Iago Carvajal (Turismo), Hind El Haouate (Enxeñaría Informática) e María Sánchez (Tecnoloxía dos Alimentos) que está centrado “nunha bebida enerxética saudable, feita con auga termal e teobromina”.
Estes proxectos foron catalogados “como de gran desenvolvemento e innovación” polo tribunal que os avaliou, que estivo formado por Javier Rodeiro (UVigo) e Pablo Sanmartin (de Digital Gou), José María Torre (El Club del Emprendimiento) e David Martínez (presidente da Confederación Empresarial de Ourense).
