Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, acompañado polo vicerreitor Francisco Javier Rodríguez Rajo e Manuel Pardo, delegado territorial de la Xunta en Ourense, visitou o xoves 26 de marzo o campus de Ourense. Fíxoo para coñecer de primeira man o Campus Auga e as súas instalacións, e mais o Curso de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. No seu percorrido, tamén, estiveron acompañados polo equipo decanal da Facultade de Ciencias, onde se imparte esta formación.
O campus de Ourense puxo en marcha a formación de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde como un título propio da UVigo ofertado a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente e realizado ao abeiro do Campus Auga. Dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, a formación estrutúrase en módulos que abranguen desde os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías. Nesta edición inscribíronse 15 persoas.
O curso ten como obxectivos ofrecer “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”, para o que están a traballar no papel da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración como recurso, na importancia da calidade microbiolóxica e química das augas e nas normativas aplicables a este recurso. O alumnado tamén se achega aos fundamentos da pel e aos factores que poden afectar a saúde cutánea e as indicacións das augas para as distintas patoloxías en función das súas características físico-químicas e as diferentes técnicas de aplicación. “Esta formación prepara a profesionais para traballar no ámbito da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais”, sinalan desde a súa organización.
