Convocados os oitavos "Premios de investigación, transferencia e divulgación científica" do Campus Auga

Vén de convocarse a oitava edición dos “Premios de investigación, transferencia e divulgación científica do Campus Auga”, unha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer e estimular o esforzo do persoal docente e investigador, así como do estudantado, no desenvolvemento das liñas de especialización do Campus Auga. Son uns galardóns que xorden no marco das accións estratéxicas de dito campus. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de xullo.

Os premios distribúense en cinco modalidades: traballo fin de grao ou mestrado, tese de doutoramento, mellor contribución científica de alto impacto publicada entre 2023 e 2025, mellor resultado de transferencia, e accións ou actividades de divulgación científica. As candidaturas deberán vincularse obrigatoriamente a unha das liñas de especialización do Campus Auga —alimentación funcional, agricultura e medio ambiente ou xestión da auga termal— . Tamén poden ligarse a algunha das áreas transversais de soporte: intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e ambiental. Poderá concorrer o persoal docente e investigador en activo na Universidade de Vigo, así como o alumnado matriculado nos cursos 2023-2024 ou 2024-2025, sempre que cumpra os requisitos específicos de cada modalidade. As candidaturas serán avaliadas por unha comisión presidida polo director do Campus Auga e integrada por membros do PDI e unha representante da empresa Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia.

Os premios outorgarán un recoñecemento público mediante unha certificación oficial, que se entregará nun acto institucional, e contarán cunha dotación económica que varía segundo a modalidade. En cada categoría haberá tres premios en metálico, agás na de divulgación, que contará cun único galardón. A dotación total dos premios ascende a 12.000 euros, financiada a través do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Campus Auga.

Podes acceder á convocatoria na Secretaría da UVigo: