Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada na UVigo, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e membro do grupo de investigación GEN, releva a Roberto Ignacio Fernández como director do Campus Auga. Sobre o seu nomeamento, agradece á reitora Carmen García Mateo e á vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, a confianza nel depositada e afirma asumir o cargo “con ilusión e ganas”, convencido de que o Campus Auga “ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense”.
O reto máis inmediato que afronta Vaquero é a reacreditación do Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario Galego, un proceso que considera “a nosa prioridade número un” e no que confía plenamente grazas aos “excelentes resultados” acadados nos últimos anos. Vaquero lembra que a dotación da Xunta para o período 2024-2027 superou os tres millóns de euros, o que permitiu impulsar accións en docencia, investigación e transferencia, como a contratación de persoal investigador, a concesión de premios, a organización de congresos e a adquisición de infraestruturas. “O traballo feito foi moito e moi bo”, afirma, e subliña a importancia de seguir nesta liña para consolidar o proxecto.
Máis alá da reacreditación, Vaquero aposta por fomentar unha maior colaboración entre as liñas de especialización do Campus Auga —alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal— e as áreas de soporte, como a intelixencia artificial e a economía circular. “A investigación, a transferencia e a docencia de calidade pasan por ser multidisciplinares”, sinala, e adianta o desexo de ampliar estas liñas para potenciar a auga como elemento aglutinador do campus de especialización. Tamén prevé mellorar as colaboracións con outros campus de especialización e con empresas e institucións públicas e privadas, co obxectivo de seguir fortalecendo a proxección do Campus Auga.
Unha ampla traxectoria no Campus Auga
O novo director ten unha ampla participación ao longo dos anos no desenvolvemento do Campus Auga. “Xa no primeiro mandato do ex-reitor Salustiano Mato, participei como director da Área de Descentralización do campus de Ourense no primeiro plan estratéxico do que agora é o noso campus de especialización”, comenta Alberto Vaquero. Tamén formou parte da comisión científica do proxecto, como secretario, onde se definiron as súas liñas estratéxicas, e do seu comité executivo, durante os mandatos de Enrique Barreiro e Nelson Pérez. Nos últimos anos foi o vogal de transferencia e emprendemento no comité de dirección, sendo director do Campus Auga Roberto Ignacio Fernández. “Con todos eles e cos diferentes vicerreitores e vicerreitoras do campus de Ourense (María Lameiras, Virxilio Rodríguez, Esther de Blas, Elena Rivo e Francisco Javier Rodríguez Rajo) aprendín moito”, sinala respecto a esta participación no proxecto.
