O Campus Auga recoñece 13 traballos de investigación, transferencia e divulgación científica na VIII edición dos seus Premios

A oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga xa ten gañadores. Trátase de 13 traballos realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo, cunhas temáticas que abranguen desde a degradación de antibióticos de uso humano en solos agrícolas ata a innovación cara á sustentabilidade no viñedo. Con estas distincións quérese recoñecer e estimular o esforzo da comunidade universitaria no desenvolvemento das liñas de especialización sobre as que traballa o Campus Auga. A dotación total dos galardóns ascende a 12.000 euros e inclúese no convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para financiar o Campus Auga.

Na categoría de teses de doutoramento foron premiadas tres investigacións: unha sobre a presenza, transporte e degradación de antibióticos de uso humano en solos agrícolas, outra sobre a produción dirixida de xilooligosacáridos mediante tecnoloxías enzimáticas innovadoras para a súa aplicación en ingredientes alimentarios, e unha terceira sobre o deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática. No apartado de traballos fin de mestrado distinguíronse tres estudos: un sobre o efecto das cubertas vexetais na fertilidade do solo en viñedos das denominacións de orixe Rías Baixas e Monterrei, outro sobre a extracción secuencial de compostos bioactivos de Laminaria ochroleuca e un terceiro sobre as macroalgas mariñas vermellas Porphyra sp. como modelo para unha biorrefinería.

No eido das contribucións científicas recoñecéronse tres artigos publicados por equipos da UVigo en revistas internacionais: un sobre nanopartículas compostas de proteína de gluten de trigo e carboximetilcelulosa para a incorporación de curcumina (Food Chemistry: X), outro sobre análogos de produtos do mar impresos en 3D con Tetraselmis chui (Food and Bioprocess Technology) e un terceiro sobre tecnoloxías sostibles para obter compostos antioxidantes e hidrolizados proteicos de Tenebrio molitor (Food Chemistry). En transferencia, premiáronse o proxecto Prevención da incidencia de Black rot en viñedo ecolóxico (Blackrotend), o curso Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e unha formación práctica para a posta en marcha dun obradoiro de conservas de tomate na Fundación Menela. O premio á mellor acción de divulgación científica foi para a xornada Innovación cara á sustentabilidade no viñedo.

Listaxe de premiados

Teses de doutoramento

  • Lucía Rodríguez, por Presenza, transporte e degradación de antibióticos de uso humano en solos agrícolas, dirixida por Manuel Arias e Andrés Rodríguez Seijo.
  • Andrea Rodríguez, por Produción dirixida de xilooligosacáridos mediante tecnoloxías enzimáticas innovadoras para a súa aplicación en ingredientes alimentarios, dirixida por María Luisa Rúa e Clara Fuciños.
  • Rubén Domínguez, por Deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática, dirixida por Miguel Reboiro e Hugo López.

Traballos fin de mestrado

  • Roxana Cutillas, por Efecto das cubertas vexetais sobre a fertilidade do solo en viñedos. Ensaios nas denominacións de orixe Rías Baixas e Monterrei, titorizado por Paula Pérez e Andrés Rodríguez Seijo.
  • Gilberto Quintela Ferraz, por Extracción secuencial de compostos bioactivos de Laminaria ochroleuca, titorizado por Noelia Flórez e María Remedios Yáñez.
  • Andrea Luaces, por Macroalgas mariñas vermellas: Porphyra sp. como modelo para unha biorrefinería para obtención de proteínas e xilano, titorizado por María Luisa Rúa e Ana María Torrado.

Contribucións científicas

  • Pengren Zou, Celia Costas, Susan Jyakhwo, Yihao Luo, Li Luo, Zhaojun Wei e Paz Otero, polo artigo sobre nanopartículas compostas de proteína de gluten de trigo e carboximetilcelulosa para incorporar curcumina, publicado en Food Chemistry: X.
  • Pedro Miguel Ferreira Santos, Catarina Moreira, Carmen Molina, José A. Teixeira, Cristina M. R. Rocha e Javier Martínez, polo artigo sobre análogos de produtos do mar impresos en 3D con Tetraselmis chui, publicado en Food and Bioprocess Technology.
  • Nuno Muñoz, Helena Fernandes, Borja Fernandez, José Manuel Domínguez e José Manuel Salgado, polo artigo sobre tecnoloxías sostibles para obter compostos antioxidantes e hidrolizados proteicos de Tenebrio molitor, publicado en Food Chemistry.

Transferencia

  • María Fernández e Francisco Javier Rodríguez Rajo, polo proxecto Prevención da incidencia de Black rot en viñedo ecolóxico (Blackrotend).
  • Diego Fernández, Moncho Gesteira, María Teresa de Castro, Orlando García, José González Cao e Helena Barreiro, polo curso Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
  • María Inmaculada Franco, Raquel Rial, Beatriz Cancho, María Concepción Pérez e Elena Falqué, pola formación para poñer en marcha un obradoiro de conservas de tomate na Fundación Menela.

Divulgación científica

  • Paula Pérez, pola xornada Innovación cara á sustentabilidade no viñedo.