Segunda edición do curso de Experto en Auga, Termalismo e Saúde do Campus Auga

O Campus Auga puxo en marcha a segunda edición do curso de Experto en Auga, Termalismo e Saúde da Universidade de Vigo, no que un total de 14 persoas iniciaron a súa formación neste título propio que se imparte na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e que ten como obxectivo ofrecer “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”. A iniciativa, ofertada a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente, está dirixida polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, e mantén a cifra de participantes e a diversidade de perfís profesionais da edición anterior, con persoas procedentes tanto do ámbito sanitario como da docencia.

O curso, que se desenvolve de xeito semipresencial ata finais de xuño de 2027, consta de 24 créditos ECTS e combina docencia presencial e virtual con prácticas en empresa. A formación arrincou cunha introdución á hidroxeoloxía, a calidade e o control microbiolóxico e químico da auga e a lexislación vixente, incluíndo unha saída ao campo guiada polos profesores Pedro Araujo e José Ángel Cid para analizar os procesos de formación dos xacementos termais ourensáns, o seu potencial enerxético e os beneficios para a sociedade. Os seguintes módulos centraranse na dermocosmética e no uso da auga termal na formulación de produtos para o coidado da pel, así como na identificación de patoloxías tratables con terapias termais —reumáticas, dermatolóxicas, respiratorias e crónicas— e nas técnicas de aplicación da auga. O programa complétase con prácticas de laboratorio, visitas técnicas e estadías en empresas.

Ademais da formación académica, o alumnado ten a oportunidade de achegarse ás últimas tendencias do sector a través de actividades científicas e profesionais, como o II Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, celebrado no campus de Ourense, e Termatalia, en Expourense. Desde a organización sinalan que este contacto directo cos principais actores do sector constitúe “unha excelente oportunidade” para o estudantado. Coa posta en marcha desta nova edición, o Campus Auga reafirma o seu compromiso coa formación de profesionais especializados nun sector estratéxico para o desenvolvemento económico, científico e sanitario de Galicia.