A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu o venres 9 de maio a terceira edición da Xornada anual sobre políticas alimentarias que cada ano organiza o grupo de investigación da Universidade de Vigo Food and Health Omics, que nesta ocasión centrou o foco na industria alimentaria do futuro e nas tendencias e retos que afronta o sector debido ao impacto das tecnoloxías emerxentes. Á cita asistiron 190 persoas de todas as entidades e axentes implicados na cadea alimentaria da comunidade educativa e investigadora, da empresa e da administración pública.
O evento estivo coordinado polas profesoras Beatriz Cancho e Raquel Rial e contou coa colaboración do Campus Auga. Na súa apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que “é unha oportunidade para aprender, debater e sobre todo para colaborar, xa que só desde o diálogo aberto entre administracións, empresas, centros de coñecemento e sociedade poderemos construír unha industria alimentaria preparada para os retos que veñen”.

Pola súa banda, Beatriz Cancho salientou que as xornadas, despois de tres anos consecutivos celebrándose é un “foro de debate sobre os temas máis importantes e candentes na industria alimentaria”. A edición deste ano, indicou, analizou a “transformación radical” que está a vivir a industria alimentaria “impulsada pola revolución FoodTech, que integra tecnoloxías emerxentes para crear un sistema alimentario máis sostible e eficiente”.
Sobre esta revolución, as promotoras da xornada sinalaron que “a automatización, a agricultura vertical e a intelixencia artificial, son algunhas das innovacións que están a redefinir a produción, distribución e consumo de alimentos a nivel global”. Así, detallaron que “a automatización, coa incorporación de robots e sistemas automatizados na produción e distribución de alimentos, está a mellorar a eficiencia, reducindo custos e minimizando erros humanos nas empresas alimentarias”. Pola súa banda, engadiron, a agricultura vertical, coa eficiencia no uso de recursos, emerxe como unha solución innovadora para os desafíos da produción alimentaria. E a intelixencia artificial, coa análise de grandes volumes de datos, sinalaron que está “a desempeñar un papel crucial na toma de decisións, na optimización de procesos e na mellora da calidade e seguridade dos alimentos”.
Exemplos do sector
Tras a inauguración desta III Xornada anual sobre políticas alimentarias. A industria alimentaria do futuro. Novos retos e tendencias de mercado, a programación deu comezo cunha conferencia sobre a revolución FoodTech, concretamente sobre innovación, dixitalización e sostibilidade na nova industria alimentaria, a cargo de Juanjo de la Cerda, CEO de Clusaga. Seguíronlle intervencións sobre a adaptación ás novas tendencias do mercado da industria vitivinícola, especificamente das Bodegas Martín Códax, a cargo de Katia Álvarez, enóloga desta empresa, e sobre a “agricultura do futuro, unha realidade do presente”, con Iván García, CEO de Néboda, empresa focalizada na agricultura vertical de interior.
Tamén se falou sobre a redución dos tempos de curación en queixos e embutidos, con Víctor Lama (CEO de Enzicas, empresa especializada na investigación biotecnolóxica) e sobre a aplicación práctica da intelixencia artificial no sector alimentario, con Roberto Fernández (cofundador de Logicmelt, empresa de tecnoloxías da información). Completou o programa unha intervención sobre o papel de Anfaco como axente dinamizador da innovación e disrupción no sector mar-alimentario, a cargo de Paula Fajardo, responsable adxunta da liña de Biotecnoloxía e Saúde da Área de I+D desta entidade.
Sobre este panel de participantes, as responsables das xornadas subliñaron que “para nós é verdadeiramente importante que as empresas estean aquí, veñan ao campus, e de primeira man nos conten as súas necesidades reais, como están levando a cabo as súas actividades de investigación e innovación, e poidamos así tender pontes de colaboración”.
Abaixo podes ver o vídeo da presentación das Xornadas que gravou UVigoTV, e nesta ligazón a totalidade das mesmas.