O Campus Auga recibiu os días 8 e 9 de outubro a visita do panel avaliador designado pola Xunta de Galicia dentro do programa de acreditación dos campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O obxectivo desta avaliación é conseguir a reacreditación do Campus Auga para o período 2027-2030, para o que ao longo destas dúas xornadas se presentaron ao comité os resultados acadados durante a acreditación do período 2024-2026 e as liñas de futuro propostas. O arranque da avaliación contou coa intervención de Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia. A reitora subliñou que o Campus Auga é “un proxecto estratéxico, que reforza a investigación, a docencia e a transferencia do campus de Ourense” e que acadar a reacreditación é “importantísimo” porque achega “estabilidade” a un campus de especialización “cuxos beneficios redundan sobre todo o campus de Ourense”. Pola súa banda, o secretario xeral destacou que esta iniciativa supón “unha grande oportunidade para a provincia de Ourense, para a Universidade de Vigo e para toda Galicia” e reafirmou o apoio do Goberno galego para consolidar o proxecto “como un referente científico no sector termal”.
O investimento da Xunta de Galicia no Campus Auga ascende a 11,8 millóns de euros desde 2013. No período 2013-2023 a achega foi de 8,5 millóns para as bases do proxecto, e tras a acreditación publicada no Diario Oficial de Galicia en febreiro de 2024, asinouse un convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Universidade para o desenvolvemento de accións estratéxicas durante o período 2024-2027, dotado con 3.256.850 euros. Este financiamento permitiu desenvolver accións de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e información pública nun campus articulado en tres liñas de especialización —alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal— con tres áreas de soporte: intelixencia artificial, lexislación agroalimentaria e ambiental e economía circular. No eido da docencia, aprobáronse iniciativas para ampliar e diversificar a oferta formativa, mellorar a formación do profesorado e as taxas de empregabilidade, e potenciar a captación e difusión da formación. En investigación, acadouse unha aliñación con prioridades europeas, nacionais e coa RIS3 Galicia, o fortalecemento da carreira investigadora e da captación de talento, unha elevada calidade da produción científica e un bo posicionamento en ránkings internacionais. En transferencia, fomentouse a colaboración con axentes da contorna agroalimentaria, o emprendemento a través do Venture Lab, a colaboración con clústeres estratéxicos e o desenvolvemento de iniciativas como a Unidade Mixta UVigo-Coren-Sertogal.
Para o período 2027-2030, o Campus Auga propón en docencia reforzar a oferta académica máis especializada, impulsar un modelo formativo máis flexible e innovador con formación continua e microcredenciais, mellorar a empregabilidade do alumnado e a súa proxección internacional. En investigación, aspira a consolidar instrumentos de apoio á carreira investigadora, a captación e retención de talento, a mobilidade e a apertura internacional, así como a articulación das liñas de investigación e o uso das infraestruturas do campus, impulsando o posicionamento científico e a competitividade en redes, proxectos e alianzas estratéxicas. Finalmente, en transferencia e valorización, aposta por incrementar a conexión entre capacidades científicas, servizos e necesidades da contorna, consolidar un modelo estable de emprendemento e impulsar unha relación máis estruturada co tecido produtivo e institucional mediante alianzas e fórmulas avanzadas de cooperación aplicada.
