Convocadas as axudas INOU-Campus Auga 2023, que nesta edición conta con 59.000€

UVigo e Deputación lanzan unha nova edición da convocatoria de axudas, dotadas con 59.000 euros para financiar proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento da provincia

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense presentaron o luns 6 de marzo a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU-Campus Auga, que amplía de 47.000 a 59.000 euros o seu orzamento. A iniciativa, ademáis de apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, tamén teñen por obxectivo a especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

A convocatoria persegue impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento e ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo – o máis novo e quen teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias– poida pór en marcha os seus proxectos e contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación.

Poden beneficiarse destas axudas persoal investigador que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que formen parte dun grupo de investigación da Universidade de Vigo. Cada grupo de investigación só pode liderar unha solicitude e os proxectos realizaranse de forma individual, cun ou dous investigadores ou investigadoras principais e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar. Poderase incluír persoal investigador de ámbitos diferentes, valorándose a multidisciplinariedade. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de marzo.

Tal e como se explicou na rolda de prensa, a convocatoria do pasado ano financiou seis proxectos de áreas de coñecemento e grupos de investigación moi diversos que acaban de rematar a súa execución. Estiveron centrados nas implicacións ambientais, agrícolas e económicas do uso nanoagroquímicos cara unha produción alimentaria sostible de Solanum tuberosum L; a caracterización de micro e nanoplásticos de mostras recollidas nos recursos hídricos da provincia de Ourense e o seu aproveitamento empresarial, social e concienciación; as chaves de éxito da sustentabilidade das empresas ourensáns, a transformación dixital e a aplicación das novas tecnoloxías. Tamén se financiaron traballos sobre e a intelixencia artificial á resolución de conflitos en materia medio ambiental, con especial referencia á explotación e protección dos recursos hídricos na provincia de Ourense; sobre a avaliación da viabilidade do estudo das habilidades expresivas, con aplicación ao rendemento educativo e deportivo, mediante a localización en interiores de deportistas por medio de tecnoloxías de posicionamento con UAV e sobre o aproveitamento das podas da oliveira procedentes de variedades autóctonas galegas e a súa valorización para a obtención de compostos de valor engadido.

Publicación dos proxectos INOU 2021

Capa da publicación dos Proxectos INOU 2021. Facendo clic nela podes descargar o PDF

No acto tamén se presentou unha publicación electrónica de acceso libre que recolle os traballos realizados ao abeiro da convocatoria INOU no ano 2021. Entre os traballos recollidos están a análise da evolución recente da oferta aloxamento turístico na provincia de Ourense e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrución do fenómeno das vivendas de uso turístico e a análise estatística do mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense dende unha nova perspectiva. Tamén hai estudos sobre a detección automática de momentos de risco alérxico da poboación ourensá, o padrón de comportamento dos e das adolescentes ourensáns en relación co uso dos videoxogos e a evolución histórica da implantación dos videoxogos na sociedade ourensá dende os anos 80 ata a actualidade. Un achegamento ás prácticas educativas e ás necesidades nos colexios rurais agrupados de Ourense e as habilidades para aprender neles dos e das escolares é outra das temáticas abordadas. Por último, a publicación tamén recolle unha aproximación á represión económica na provincia de Ourense a partir dos expedientes de responsabilidades civís e políticas e os lugares da represión franquista.