O mércores 22 de marzo tivo lugar o acto de entrega dos V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do campus de Ourense no marco do proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos. Nesta ocasión, foron cinco as propostas galardoadas e realizadas por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo: unha tese de doutoramento, un traballo fin de grao, dous artigos científicos e unha acción divulgativa.
Estes galardóns están dotados en total con 3600€ no marco do convenio de colaboración existente entre empresa Viaqua e a Universidade de Vigo. O seu obxectivo é potenciar o Campus Auga distinguindo accións destacadas.
O acto de entrega contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense; Iván Vicente García, director de Viaqua, e Carlos Guillermo Ruiz, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e a asistencia de autoridades e tamén membros da comunidade universitaria. Nas súas intervencións, destacouse a importancia de recoñecer e fomentar a investigación de calidade arredor dos recursos hídricos tendo en conta o contexto do cambio climático e a súa relevancia na provincia de Ourense.
Traballos premiados
O premio á mellor tese de doutoramento foi para Towards a future implementation of the heterogeneous electro-Fenton treatment for water remediation, de Verónica Poza e dirixida por Ángeles Sanromán e Marta María Pazos. A investigadora centrouse no uso de ferramentas de optimización e control para as aplicacións de procesos de oxidación avanzada (POAs) no tratamento de contaminantes emerxentes.
O galardón ao mellor traballo fin de estudos recaeu no estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Jorge Ledo polo seu traballo fin de grao Modelado físico e numérico da interacción entre ondas e obxectos flotantes, titorizado por Alejandro Jacobo Cabrera e José Manuel Domínguez. O seu estudo céntrase “na análise da interacción entre ondas e obxectos flotantes”.
Na modalidade de contribución científica, foi premiado o artigo 3D Photogrammetry as a tool for studying erosive processes at a Roman coastal site: the case of the Roman fish-salting planta at Sobreira (Vigo-Spain), realizado desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio por Adolfo Fernández, Alba Antía Rodríguez e Patricia Valle e publicado en Archaeological and Anthropological Sciences (2022). O texto presenta os resultados do traballo realizado no marco do proxecto GaltFish nunha factoría romana de salgadura de pescado cuxos restos se atopan ameazados pola erosión mariña e a acción humana.
Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo presentado por Diego Fernández, investigador do grupo Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (EPhysLab), titulado Multiscale flood risk assessment under climate change. The case of the Miño River in the city of Ourense, Spain, publicado na revista da European Geosciences Union Natural Hazards and Earth System Sciences. Nel realízase unha análise multiescala do risco de inundacións na conca do Miño-Sil.
Por ultimo, concedeuse o galardón á mellor acción ou actividade de divulgación científica á presentada no Flods2022 polo tamén investigador de EPhysLab Orlando García Prevención, resiliencia y respuesta frente a eventos extremos. Este congreso, o Flods 2022, celebrouse no campus de Ourense en outubro de 2022, reunindo a universidades, centros de investigación, organismos de todas as concas hidrográficas españolas e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.