A xornada Emprendendo no Campus (Venture Lab Campus Auga) celebrouse na Escola Superior de Enxeñaría Informática o mércores 17 de setembro, de 17.00 a 20.00 h, unha actividade gratuíta dirixida a membros da comunidade universitaria e persoas interesadas no emprendemento. Coordinada polo profesorado da escola Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, o evento enmarcouse nas actividades do Campus Auga co obxectivo de dar a coñecer de primeira man proxectos de estudantado que “xa deran o paso” de emprender e que destacaron en diversos concursos e convocatorias, servindo como inspiración para as persoas asistentes.
O programa incluíu a presentación de varios proxectos exitosos: turisTE (segundo premio Inspiro 2025), Bloantia (primeiro premio en Creative Jam de Vedra), Certychain (premio Santander Explorer 2023), Sizit (premio Santander X Proxectos Emprendedores) e Soil4Good (segundo premio en Hack for Good). Tras as intervencións, celebrouse unha mesa redonda aberta na que se abordou a formación en emprendemento, coas experiencias en primeira persoa dos e das participantes como fío condutor.
A xornada supuxo o comezo das actuacións do Venture Lab Campus Auga para este curso, que continuarán cunha sesión de formación en emprendemento entre outubro e novembro, unha nova publicación de carácter práctico e, como novidade, un premio a un proxecto emprendedor que visibilice a innovación do alumnado. A iniciativa vén dar continuidade ás accións formativas realizadas o ano pasado, que incluíron xornadas e a publicación do Plan de Formación de Innovación 2024.
Premendo no botón descárgase o programa da Xornada
