O campus de Ourense acolleu durante o mes de novembro unha Formación para a innovación: o emprendemento do alumnado universitario, unha actividade gratuíta coordinada por Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz, profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, co apoio e financiamento do Campus Auga. As xornadas, celebradas os días 5, 12, 19 e 25 de novembro no edificio Campus Auga en horario de tarde, estiveron recoñecidas cun crédito ECTS e contaron con 17 alumnos e alumnas inscritos, na súa maioría da ESEI, pero tamén dos graos de Turismo e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.
A primeira sesión, impartida por Javier Rodeiro o día 5, centrouse na idea e no modelo de negocio. O día 12, Juan Manuel de los Ríos abordou a perspectiva xurídica das distintas formas de emprendemento; o 19, Francisco Javier Sánchez Sellero tratou a viabilidade económico-financeira; e o 25, Vanessa Mª Suárez e María Montserrat Cruz falaron da promoción e comercialización do proxecto empresarial. A formación tivo un carácter práctico, buscando achegar ao alumnado coñecementos aplicables para transformar as súas ideas en realidades empresariais.
A actividade enmarcouse no Venture Lab Campus Auga, que arrancou o curso pasado cunha primeira edición destas xornadas e coa publicación do Plan de Formación de Innovación 2024. Este ano, a programación completouse en setembro coa xornada Emprendendo no campus, onde se presentaron proxectos exitosos de estudantado, e pecharase en decembro cun novo encontro con emprendedores externos que compartirán as súas experiencias co alumnado universitario.
