Expourense acolleu o mércores 26 de marzo a celebración dunha nova edición de Inspiro, encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia e norte de Portugal, organizado un ano máis en colaboración coa empresa ourensá Dixital Gou. Nela tivo lugar a final do Cuarto Concurso de Proxectos Emprendedores Inspiro, onde alumnado da Universidade de Vigo fíxose co primeiro e terceiro premio. No concurso competiron dez proxectos seleccionados entre a trintena que se presentaron, creados por alumnas e alumnos procedentes da Universidade de Vigo, da de Santiago de Compostela e dos centros de Formación Santo Cristo, CPR San Martín e Colexio Valle Inclán.
A xornada arrancou pola mañá con relatorios sobre emprendemento, ciberseguridade e Intelixencia Artificial e cunha mesa redonda sobre iniciativas emprendedoras de éxito. Xa pola tarde, houbo dous talleres prácticos de traballo por equipos e a final do concurso, con tres premios que inclúen procesos de mentorización para as persoas participantes.
O proxecto gañador foi Sempre na Casa (o equipo na foto superior), presentado por estudantes de Enxeñaría Informática e de Turismo. Consiste nunha plataforma dixital de xestión de convivencias interxeneracionais e aluguer social que facilita o encontro entre persoas maiores con habitacións baleiras e estudantes que buscan aloxamento. O galardón que está dotado con 700 euros e unha mentorización a cargo do Club do Emprendimiento foi entregado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Marta Mariño. Esta proposta foi tamén a gañadora do concurso de emprendemento de VentureLab realizado polo Campus Auga.
