Co apoio do Campus Auga celebrouse a IV Xornada Anual sobre Políticas Alimentarias

Foto do numeroso público na apertura da xornada no Edificio Politécnico

O grupo de investigación Food and Health Omics da Universidade de Vigo celebrou venres 24 de abril a IV Xornada Anual sobre Políticas Alimentarias, que levou por lema Alimentos funcionais e saúde: novas oportunidades para o sector agroalimentario. A cita, con arredor de 185 persoas inscritas, supuxo “unha oportunidade única para coñecer de primeira man como a ciencia e a innovación están a impulsar unha nova xeración de alimentos orientados á saúde e ao benestar da sociedade”. Nela presentáronse avances científicos, experiencias empresariais e casos de éxito ao redor dos alimentos funcionais, fomentando o diálogo entre a empresa, a universidade e as administracións públicas. 

A xornada tivo lugar na Facultade de Ciencias e contou co apoio do Campus Auga. Na apertura, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor o labor investigador que se fai no eido temático das xornadas, nomeadamente na Facultade de Ciencias, no Campus Auga e no Instituto de Agroecoloxía e Alimentación.  Tamén as investigadoras do grupo Food and Health Omics, Beatriz Cancho e Raquel Rial, organizadoras da actividade, amosaron a súa satisfacción pola boa acollida que ten a xornada ano tras ano. Sobre a temática elixida para esta edición sinalaron que “a nosa esperanza de vida é cada vez maior e envellecer con boa saúde converteuse nun dos grandes retos da nosa sociedade. Neste escenario, onde a innovación e a evidencia científica marcan o futuro da alimentación, o desenvolvemento de alimentos funcionais constitúe unha ferramenta estratéxica que contribúe a crear valor engadido dentro do sector agroalimentario”.

Da empresa á universidade

A programación comezou cunha intervención sobre a sinerxía universidade-empresa e a ciencia, saúde e innovación no sector dos alimentos funcionais a cargo de Helena Jamardo, da Área de innovación, transformación dixital e emprendemento de Clusaga. o seguinte relatorio foi Garantindo funcionalidade e saúde: estratexias para a vixilancia de contaminantes químicos, a cargo de Fernando Alén, responsable de produto en seguridade alimentaria operacional de Nestlé Global IT Hub. Pola súa banda, M.ª Eugenia Juncal, responsable de innovación de Campomayor, falou de innovación no sector do ovo (da seguridade alimentaria á nutrición preventiva); e tamén intervíu Ismael Martínez, responsable de innovación de Clun, sobre Leite Unicla A2: innovación en saúde e sostibilidade avalada por evidencias científicas e ensaios clínicos

A xornada incluíu conferencias sobre a innovación enfocada na saúde preventiva, ofrecida por Jorge Núñez, de Minimelis; sobre Oildiabet: Intervención dietética para avaliar o potencial antidiabético dos aceites de oliva galegos, a cargo de María Figueiredo, do grupo de investigación Food and Health Omics; e sobre Algabi-Epigut e a validación dun alimento fermentado con algas como modulador epixenético do estado inflamatorio e nutricional en enfermidade inflamatoria intestinal, ofrecida por Ana Belén Crujeiras, directora do grupo de investigación de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).