Sostenave: unidade mixta de investigación, para achegar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas

Foto de grupo da visita na que se anunciou a creación desta nova unidade

Sostenave é unha nova unidade mixta de investigación da Universidade de Vigo mais as empresas Coren e Sertogal co obxectivo de incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizar procesos produtivos para contribuír á sostibilidade e calidade da avicultura de carne galega. O proxecto conta coa financiación da Xunta de Galicia con unha achega de 1,8 millóns de euros.

O anuncio da creación –martes 14 de abril– fíxose nunha visita á planta do grupo Coren en Ourense do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; polo vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; polo director de Sertogal, Sergio Rodríguez;  e polo conselleiro e controller do Grupo Coren, Alberto Requejo. 

O conselleiro destacou o avance no campo da I+G+i que supoñen as alianzas entre empresas e universidades galegas, situando a ciencia e a investigación feitas en Galicia na vangarda. Igualmente subliñou a contribución da liña de axudas a unidades mixtas de investigación para impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros de I+D ao tecido empresarial e a mellorar a competitividade das empresas galegas, así como a desenvolver as capacidades dos organismos de investigación. 

Colaboración público-privada

Sostenave conta cun orzamento total de preto de 4,4 millóns de euros e estará liderada desde a Universidade de Vigo. A través da colaboración público-privada nesta iniciativa, indican desde a Xunta de Galicia, perséguese abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Deste xeito, Sostenave pretende impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido. 

Para acadar estes obxectivos, a iniciativa conta experiencia do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial da Universidade de Vigo. Ademais, está o Campus Auga. Sostenave contará tamén co papel tractor de Coren, que, sinalan desde a Xunta, “identifica as necesidades reais da industria, achega unha contorna de validación e garante a aplicabilidade e a transferencia dos resultados”, e cos coñecementos de Sertogal, “peme ourensá especializada en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas a procesos industriais e agroalimentarios”.